
Rede de profesionais que ofrecen un servizo en liña gratuíto de apoio para autónomos/as, empresas e outras organizacións con actividade económica que, afectadas pola situación de crise sanitaria e económica, precisen reorientar e/ou revisar a súa estratexia de traballo e non conten cos recursos ou especialización necesaria para iso.
QUEN SOMOS?
Somos un grupo de profesionais con experiencia en diferentes áreas da xestión de empresas, a promoción do cooperativismo e a economía social que, preocupados e preocupadas polo futuro do traballo, promovemos ReciproKa como unha rede de apoio e coñecemento especializado para iniciativas empresariais en crise.
Ante situacións de risco para a viabilidade dos proxectos e o mantemento de postos de traballo, poñemos o noso tempo á disposición de quen non conten con recursos nin coñecementos nas áreas nas que traballamos. Colaboramos de balde, como servizo á sociedade, con autónomos, pemes ou asociacións, priorizando as que traballan baixo un enfoque ético social e ambiental.
Impulsamos ReciproKa profesionais de Galicia, Castela-León, Madrid e Cataluña co desexo de ampliar a rede, desde o coñecemento mutuo e a confianza, para poder actuar en novos territorios onde se vaian unindo máis profesionais. Se sintes que podes sumar os teus coñecementos ao equipo, non o dubides.
























